Thursday, May 18, 2006

XESTIÓN DOS ECOSISTEMAS E DA PESCA FLUVIAL.

HOLA A TOD@S DE NOVO:

Vamos a tratar un pouco neste segundo artigo da páxina do meu ben querido amigo Ismael de facermos un breve percorrido pola xestión dos ecosistemas e pesca fluviais.
Como veredes nesta ocasión o texto será básicamente descriptivo e basearase primeiramente no marco xurídico no que nos desenvolvemos neste eido parándonos tamén en cuestións coma inventarios,controis,regulacións e seguimentos de poboacións, etc.
Quixera dicirvos que tentarei facer un resumo de toda a lexislación destacando os artigos máis salientabeis e que maís nos poden interesar ós amantes desta fermosa disciplina como é a pesca e neste fermoso curruncho que é esta páxina seguiremos convocados para falarmos do noso.
Ata a próxima!!!!!

UN POUCO DE HISTORIA:

De todos é coñecido o importante papel que de sempre xogaron os ríos no asentamento de poboacións humanas e no desenvolvemento de diversas civilizacións. Inicialmente o home buscaba nos ríos alimentos e auga para consumo propio, posteriormente este auga tamén resultou imprescindible para mante-los cultivos e mais para o gando. Co desenvolvemento dos asentamentos, os cursos fluviais tamén resultaron se-los lugares perfectos para facer desaparece-lo lixo e todo tipo de refugallos que se producían. Máis adiante viñeron os primeiros aproveitamentos da "forza da auga", dando lugar á aparición dos muíños, os batáns, as ferrerías, etc. Xa coa revolución industrial viñeron as centráis eléctricas e todo tipo de aproveitamentos da auga a escala industrial.


Despois de moitos séculos de uso e aproveitamento dos ríos e do seu entorno, mesmo case chegaron a desaparecer algúns dos usos máis primitivos; hoxe en día moi puca xente ve nos ríos unha fonte de alimentos e a pesca pasou a ser unha actividade deportiva ou de lecer. Sen embargo, nunha sociedade na que o lecer xoga un papel moi importante e na que cada vez se desenvolve máis unha conciencia ecolóxica, ós diversos intereses e actividades económicas que conflúen nos ríos súmase nos últimos tempos a demanda da conservación dos ecosistemas fluviais.

A confluencia de diversas actividades, intereses e demandas no ecosistema fluvial fai que o tema da súa xestión sexa enormemente complicado, entrando en xogo un grande número de normas legais. O tema complícase máis se temos en conta que moitas actuacións que teñen lugar no territorio dunha cunca hidrográfica afectan directa ou indirectamente ó ecosistema fluvial (usos do solo, aproveitamento de recursos naturais, planeamento urbanístico,construcción de infraestructuras, etc.)

Tendo en conta a complexidade do tema centrarémonos somentes na situación actual da xestión dos ecosistemas fluviais en España, particularizando no caso galego.

Nunha primeira aproximación estabrécese unha diferenciación entre o que é a xestión dos recursos hidráulicos e o que é a xestión do medio ambiente. Na Lei 46/1999, do 13 de Decembro defínese o dominio público hidráulico e encoméndase a xestión dos recursos hidráulicos ás Confederacións Hidrográficas.
Constitúen o dominio público hidráulico do Estado:
a) As augas continentáis, tanto as superficiáis coma as subterráneas renovables con independencia do tempo de renovación.
b) As canles de correntes naturáis, continuas ou discontinuas.
c) Os leitos dos lagos e lagoas e dos encoros superficiais en canles públicas.
d) Os acuíferos subterráneos para os efectos dos actos de disposición con afección dos recursos gidráulicos.
e) As augas procedentes da desalgación de auga de mar unha vez que, fóra da planta de producción, se incorporen a calquera dos elementos sinalados nos apartados anteriores.

Artigo 20.1.Os organismos de cunca, coa denominación de Confederación Hidrográfica , son organismos autónomos adscritos a efectos administrativos ó Ministerio de Medio Ambiente.
Son funcións dos organismos de cunca:
a) A elaboración do Plan Hidrolóxico de cunca, así como o seu seguimento e revisión.
b) A administración e control do dominio público hidráulico.

Por outra banda, no que respecta ós ríos que discorren íntegramente polo territorio da comunidade autónoma galega, promúlgase a Lei 8/1993, do 23 de Xuño, reguladora da administración hidráulica de Galicia, na que se atribúe a xestión dos recursos hidráulicos ó organismo autónomo Augas de Galicia.
No que atinxe á pesca fluvial, competencia exclusiva da Comunidade Autónoma, o Parlamento de Galicia aproba a Lei 7/1992, do 24 de Xullo, de pesca fluvial.
Artigo 1.Obxecto da lei:
A presente Lei ten por obxecto a regulación da conservación, o fomento e o ordenado aproveitamento das poboacións piscícolas, e doutros seres vivos que habitan nas augas continentáis da Comunidade Autónoma de Galicia.
A lei de pesca fluvial non só regula o exercicio desta actividade, coma o seu título podería suxerir senón que tamén regula a conservación e o fomento "doutros" seres vivos que habitan nas augas continentáis. Así nesta lei inclúese un título adicado á conservación e ó fomento da riqueza piscícola, cun cpítulo específico das medidas protectoras, relacionado moi claramente co que é a xestión dos ecosistemas fluviais.


Logo de ver en qué marco lexislativo se desenrola a xestión do ecosistema fluvial, entraremos en como se leva a cabo o aproveitamento dos seres que habitan dito ecosistema: os peixes. Ainda que o obxectivo final desta xestión sexa o de fomentar as poboacións piscícolas e a práctica da pesca, obviamente non poderemos perder de vista o ecosistema fluvial, e veremos como moitas actuacións da xestión van encamiñadas á protección e conservación deste.

Para xestionar os recursos piscícolas o primeiro que temos que saber é con qué poboación contamos, en qué estado está o habitat desa poboación. Ou sexa, empezaremos por facer invntarios das poboacións piscícolas do hábitat.
Logo de coñecer o estado do recurso e do hábitat, poderemos facer unha primeira clasificación dos tramos fluviais en función da súa aptitude para a pesca: cotos de pesca, tramos protexidos, reservas piscícolas, masas de auga de aproveitamento piscícola común, etc. En cada un destes tramos regulares o aproveitamento piscícola cunha normativa específica, normativa que deberá ser periódicamente revisada en función da evolución das poboacións, polo que deberán preverse sistemas que nos permitan coñecer o estado das poboacións en cada momento.

Un segundo paso sería o de analizar o estado do habitat e planificar accións concretas de protección e mellora. A eficacia destas accións terase que ver reflectida no seguimento que se faga das poboacións piscícolas. As actuacións sobre o habitat e o novo estado das poboacións acadado mesmo poderían dar lugar a unha reclasificación dos tramos.

Inventario das poboacións piscícolas.

O inventario piscícola é o punto de partida obrigado para calquera xestión que se queira facer da pesca fluvial. Non só cómpre coñecer o estado da poboación nun momento dado, senón que tamén se debe ter o maior coñecemento posible da súa dinámica. Os datos básicos que se deben obter dos inventarios piscícolas son: densidades, biomasas, estructura poboacional, fecundidade, recrutamento, crecemento, mortalidade e producción.
Na práctica os inventarios das poboacións piscícolas realízanse mediante diversas técnicas, inda que a máis empregada en cursos fluviáis é a pesca eléctrica. Para aplicar esta técnica débese contar cun equipo específico que suministre corrente continua cunha voltaxe que produza un aturdemento dos peixes sen causarlles nengún outro dano; deste xeito conséguese capturar os peixes, medilos, pesalos, obter mostras das escamas e liberalos de novo no río.

Inventario do hábitat.

A inventariación non só debe permitir conecer as características cuantitativas e cualitativas das poboacións piscícolas, senón que tamén debe de abranguer os factores do medio que dan lugar ó propio recurso e regulan a súa abundancia, calidade e dinámica poboacional, ou o que é o mesmo, o seu funcionamento.
Posto que as características do hábitat en moitas ocasións dependen da intervención humana no medio fluvial, un primeiro paso consistirá en inventariar os obstáculos artificiáis e mais os vertidos existentes no tramo a estudar. Logo deberá recopilarse tamén información sobre o estado das beiras, o estado da vexetación, a calidade da auga, as características hidrolóxicas, os usos do solo na cunca e as actividades que piodan ter incidencia no medio fluvial.
Un aspecto moi importante no inventario do hábitat é o de poder cuantificar as áreas de desove e de cría das distintas especies e avaliar o seu estado de conservación.
Estes inventarios do hábitat son bastante laboriosos, habitualmente na cartografía e na bibliografía existente non se atopan datos suficientes sendo preciso dispoñer de persoal e tempo para visitar os diferentes tramos fluviais e recopilar os datos necesarios.

Medidas de protección.

Actualmente a principal medida de protección coa que se conta na Comunidade Autónoma de Galicia en materia de pesca fluvial é a declaración dun treito de río como tramo protexido ou como reserva piscícola ( aparece nos artigos 14, 16, 69 e 70 do Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentáis). Con esta declaración tódalas actividades que poidan ter incidencia negativa no ecosistema fluvial deberán someterse ó procedemento de avaliación de impacto ambiental ( Decreto 442/1990).
Un caso particular que debe ser mencionado é o dos desovadoiros, nos que a Lei de pesca fluvial e o seu regulamento autorizan á Consellería de Medio Rural para executar accións de protección, conservación e mellora, e mesmo a prohibir aquelas actividades que piodan deterioralos.

Existen outras medidas de protección que teñen relación directa coas solicitudes para os aproveitamentos hidraúlicos; neste caso astán a fixación dos caudais ecolóxicos, a construcción de dispositivos de franqueo nas presas e a instalación de reixas de interdicción nas canles de derivación e de restitución. Hoxe en día tódolos novos aproveitamentos hidráulicos deben respetar un réxime de caudais ecolóxicos e contar cun dispositivo de franqueo e reixas de protección.

Melloras do hábitat.

Teñen como obxectivo as melloras do hábitat e eliminar os factores que limitan o desenvolvemento das poboacións. As principaís accións (que gardan relación directa coa acción antropoxénica) son:
• Construcción de dispositivos de franqueo, dando prioridade ós cauces nos que se pode aumenta-la área accesible para o Salmón e mailo Reo.
• Determinación de réximes de caudáis ecolóxicos. Deberán respetar un caudal maior ou igual ó 10% do caudal medio anual.
• Recuperación de desovadoiros.Para elo bastarán pequenas actuacións no cauce para provoca-lo arrastre de sedimentos finos e/ou crear condicións hidrodinámicas que recuperen e manteñan as zonas de desove.
• Restauración de marxes.Aquí bastarían obras de consolidación de marxes mediante reconstrucción e revexetación para recuperar tramos fluviáis alterados por tarefas fundamentalmente agrícolas e gandeiras.
• Canles de desove e alevinaxe.Neste caso trataremos de poder crear zonas artificiais, tanto no propio río coma en cauces paralelos, para desove e cría tentando reproducir as condicións de substrato e velocidades óptimas.
• Centros ictioxénicos.Deberían estaren dotados de medios para o desove de reproductores e incubación.Sendo particularmente interesante que estean dotados tamén de capturadoiros cando se pretende repoboar o cauce no que está ubicado o centro. Os ovos que se producen nun centro ictioxénico poden ser "sementados" directamente no río ou nunha canle de alevinaxe coa que deberían tamén contar este tipo de instalacións.

Seguimento da evolución das poboacións.


Ademáis dos xa comentados da captura eléctrica e dos centros ictiolóxicos que deberán dotarse dos medios para o reconto de poboacións tanto augas arriba coma augas abaixo, hai tamén:
• Centros de precintaxe. A obriga legal de guia-los Reos e mai-lo Salmón permite facer unseguimento do aproveitamento das dúas especies.
• Enquisas e montaxe de cestas. Nos casos das poboacións de troita, a información relativa ó número de capturas e o esforzo da pesca haina que obter a partir de enquisas entre os pescadores e examinando as capturas durante as xornadas de pesca. Sobra dicir que se trata dun método laborioso pero tamén eficaz.

Regulación do aproveitamento piscícola.

Neste último apartado que veremos entramos no que é a regulación da actividade da pesca, ou sexa na normativa para cada tramo e cada tempada.
• Períodos hábiles. Co estabrecemento dos mesmos preténdese protexe-las poboacións piscícolas nas súas épocas de maior sensibilidade. Nos salmónidos evítase a pesca en períodos de reproducción e cría (Novembro-Febreiro) e en épocas de baixo caudal dos cauces (habitualmente setembro).Nas masas de auga habitadas por salmón retrásase a apertura da tempada ata o mes de Maio, protexendo dese xeito a migración e a subida das grandes femias reproductoras.
• Vedas.Quizáis o método máis eficaz de protección.Estabrécense en tramos con protección escasa, ben sexa por causas naturáis, sobrepesca, etc.
• Tamaños mínimos. Neste caso non comprometeremos a conservación da poboación capturable.Preténdese protexer a individuos que non acaden a idade reproductora garantindo a contribución de tódolos individuos polo menos unha vez ó mantemento da poboación.Un dos inconvenientes principais deste medida radica na dificultade de fixar un tamaño mínimo aplicable a grandes tramos de río e a varios ríos.
• Cebos, modalidades e artes de pesca. con estas medidas perséguense principalmente dous fins: reduci-la taxa de explotación controlando o que poderíamos denominar éxito da pesca, e protexer a certas poboacións ou certas clases de idade influindo na selectividade das técnicas de pesca.Nos encoros nos que se autoriza a pesca fóra de tempada de salmónidos, protéxese a éstes autorizando só cebos específicos para ciprínidos e Black-bass; mentres que no caso das zonas salmoneiras autorízanse cebos e artes de pesca que a priori non causan dano ós xuvenís de salmón.
• Cotas de captura. Ó igual que ocorría cos tamaños mínimos resulta moi difícil fixar estas cotas con caracter xenérico.

Rematamos este artigo mencionando que na ctualidade estabrécense normas xeráis para toda Galicia e normas específicas para cinco grandes tipos de masas de auga: zonas de desembocadura, zonas salmoneiras, coutos de pesca, encoros e cabeceiras de ríos. En principio, a normativa de pesca regula o aproveitamento piscícola en función da protección e conservación daquelas especies ou poboacións máis sensibeis, como é o caso das especies que migran ó mar; deste xeito, os períodos hábiles, os cebos e as modalidades de pesca autorizados son aqueles máis beneficiosos para os peixes que cómpre protexer. E destacar tamén a xestión dos cotos de pesca sen morte, na que tódalas capturas deben ser devoltas á auga; dese xeito, falamos do tipo de pesca máis respectuosa co medio ambiente. Sen embargo, á hora de xestionar estes coutos débese ter en conta o número de capturas/soltas e as taxas de mortalidade logo da devolución. En moitas ocasións un gran número de capturas, mesmo asociado a unhas taxas de mortalidade baixas, fai que estes coutos máis que coutos sen morte sexan coutos onde a morte non se "ve".
Asdo: Juan Carlos Gundín Fontecoba.

Thursday, November 24, 2005

MEDIO AMBIENTE E O COMPROMISO MEDIOAMBIENTAL.

O falar de medio ambiente en xeral un sempre corre o risco de deixarse levar por algunha das dúas correntes contrapostas que sobre esta teima coexisten hoxe en día.

Por un lado atopamonos con correntes e filosofías catastrofistas que vaticinan a chegada a un punto de non retorno, donde xa non será posíbel enmendar tódolos males que está a sofrir o medio natural, tendo esgotadas tódalas vías de rexeneración de ecosistemas que foron perturbados pola acción antrópica.

Pola outra banda atopámonos con outras vías de pensamento que argumentan que o medio ambiente e todos e cada un dos ecosistemas manifestan ter os seus propios mecanismos de autorregulación e recuperación ante agresións, xa sexan causadas por orixe humán, ou por interaccións perturbadoras doutra índole, pero que en definitiva non afectan ós sucesivos estadios evolutivos dos ecosistemas. Esta última visión ten a súa manifestación máis exprícita na teoría de Gaia postulada polo famos ecoloxista James lovelock na década dos setenta e que nos achega a unhavisión da Terra en conxunto como ecosistema global.

Tal como sexa o que é certo e que o século XXI será o século no que a preocupación, o estudo e a relación home-medio ambiente marcará dalgún xeito as directrices políticas, económicas e sociais da meirande parte da humanidade; sendo competencia única e exclusiva nosa a preservación e o uso racional dos recursos naturais.

A primeira pedra no que se refire a foros de reflexión medioambiental e que aglutina a 100 paises aparece no ano 1972 no cumio de Estocolmo. Xurde como un intento de solución ós problemas de contaminación atmosférica transfronteiriza - fundamentalmente choiva ácida- resultado do constante crecemento e uso do carbón en centroeuropa con fins enerxéticos. O certo é que este foro serviría de exemplo para decatarnos de que os problemas que a acción humana causa no medio natural necesitan un análise, unha lexislación e un control que precisa dun organo supranacional, sendo asimesmo necesario un consenso intergubernamental que marque as directrices das políticas medioamboientais.

Tras este pimeiro cumio o segundo compromiso importante tardaría en acontecer vinte anos despois. o cumio de Río no ano 1992. Foi eiquí realmente donde quedaron sentadas as beses do desenrolo sostible e xurde o verdadeiro compromiso da meirande parte dos paises dos cinco continentes de que os factores de orixe humán están repercutindo , alterando e danando seriamente algúns ecosistemas. Por citar so algúns a deforestación da Amazonia, o quecemento global do planeta a causa da emisión de gases de efecto invernadoiro, as choivas ácidas, o esgotamento dos recursos non renovables, etc. son algúns dos temas tratados na conferencia de Río e que dalgún xeito comprometeu ós paises asinantes a adoptar medidas correctivas contra as agresións ó medio.
No ámbito da UE a consecuencia inmediata do cumio de Rio vese trasposta no V plan de acción comunitaria que baixo o lema “Our future, our choice” definiria a través de directivas todalas políticas en materia medioambiental ós Estados membros da UE e que marcaria dalgun xeito e de forma expricita os obxectivos a acadar por todos e cada un dos paises comunitarios. Neste contexto, algúns dos camiños da súa estratexia están marcados polos programas europeos de desenvolvemento tecnolóxico; por citar algúns destacariamos o programa ALTENER (relativo á implantación do uso e desenvolvemento das enerxías renovables), o programa SAVE (orientado á implantación de proxectos de mellora de rendemento enerxético, o programa THERMIE ( que leva a cabo o desenvolvemento de tecnoloxías menos contaminantes e máis eficientes) etc... É dicir que en Europa comézase a levar a cabo un compromiso real e tanxibel de implantación de usos e aproveitamentes enerxéticos co menor índice de impacto ambiental.

Non poderíamos deixar de pasar por alto quizais o mais coñecido dos acordos intergubernamentais polo seu alcance mediático : protocolo de Kyoto asinado no ano 1997. Para chegar a Kyoto foi necesario iniciar un camiño que parte do tratado de Roma no ano 1956 e que foi no seu día o primeiro cumio no que atinxe ós problemas de cambio climático. Hoxe en día os acordos asinados en Kyoto e ratificados polos seus membros están dando lugar a un importante esforzo dos paises mais contaminantes por reducir o seu nivel de emisións e asimesmo está dando lugar a unha serie de severas sancións dos paises que non cumpran coas cuotas asignadas. A materialización destas coutas convertese na compra de dereitos de emisións na que os gabernos que sobrepasen as toneladas de emisión de CO2 asignadas compraran dereitos ós paises que si cumpren co pactado; o resultado estase vendo xa actualmente nos grandes esforzos que para as economías dos paises afectados están supoñendo a compra deses dereitos.

Chegados a este punto podemos afirmar que o esforzo e a preocupación polo medio ambiente natural, ainda que recente, acadou compromisos importartes.

Pero a reflexión máis inmediata é que da título e este artigo é ¿ limita dalgun xeito este compromiso co medio ambiente o crecemento e desenvolvememto da nosa sociedade?, é decir, ¿as medidas coercitivas e sancionadores para todas aquelas agresións o medio ambiente están limitando á nosa sociedade de benestar e progreso?. A miña opinión é que non. A especie humán vive e fai uso dos recursos naturais interactuando inevitablememnte co medio ambiente e os ecosistemas, temos non obstante a obriga de perpetuar estes recursos e causar o mínimo impacto ambiental. Pero ¿cal é o camiño?, ¿cómo lograr esta mínima agresión e impacto?. a resposta dánnola os científicos e tecnólogos: o progreso tecnolóxico estanos a ofrecer solucións ós problemas de antano. Hoxe en día por poñer algún exemplo as centrais de ciclo combinado están a ofrecer eficiencias que nada teñen que ver coa obsoleta tecnoloxía de aproveitamento do carbón, a valorización enerxética dos residuos e o seu reciclaxe están sendo solucións para o problema dos vertedoiros incontrolados, a extracción de petróleo está ultilizando tecnoloxía punteira en aproveitamento dos pozos e as bolsas do cru, os novos combustibles obtidos a partires de biomasasa (forestal) e cultivos enerxéticos ( trigo, cebada, millo, miscanthus, etc) están obtendo alcoholes de muy alta pureza que poden entrar en cámara de combustión a porcentaxes xa importantes en motores convencionais, as novas vivendas construense cada vez mellor ailladas e necesitase menos enerxía para a sua climatización, a enerxía eólica estase consolidando dentro das renovables como unha das de maior puxanza sendo aplicada a ultima tecnoloxía no desenvolvemento de xeneradores e palas alcanzando cotas de aproceitamento enerxéticas nunca pensadas.
E decir, que a tecnoloxía estase adaptando ós novos tempos, está buscando solucións para os novos aproveitamentes enerxéticos renovables que nos aparten da supeditación cos recursos fósiles, e ainda icluso algún prestixioso ecólogo chegou a afirmar senón sería a hora de volver a vista ó aproveitamento da enerxía nuclear e desenrolar máis proxectos do seu aproveitamento ( discutible sen dúbida pero é unha vía a estudar).

Remato este artigo cunha reflexión, somentes con algo que vivimos todos os galegos e moi de perto: transcorridos dous a nos e medio do desastre do Prestixe fomos capaces de percibir como a pesar do enorme e incuantificable impacto que supuxo no seu día para o ecosistema litoral éste foi capaz de rexenerarse e recuperarse cáseque por completo. Lóxicamente hai secuelas que ainda tardarán en desaparecer pero o certo é que nin os vaticinios máis optimistas popderían hoxe describir o grao de recuperación que teñen as nosas costas. Quen sabe, iso é o que ten de máxico a natureza por iso quizaís nunca seremos capaces de imitala estando nas nosas mans o deber de preservala e coexistir con ela dun xeito respetabel.

Quixera transmitir dende eiquí o meu agradecemento e gratitude para meu bon amigo Ismael de quen foi a idea de levar a cabo o proxecto desta fermosa e entrañable páxina adicada á teima da pesca, e que me convidou a abrir esta sección onde trataremos periódicamente temas relacionados co Medio Ambiente e a Ecoloxía. Vémonos.




Asdo. Juan Carlos Gundín Fontecoba.
Lcdo. En CC. Físicas.
Experto en Medio Ambiente.