Thursday, November 24, 2005

MEDIO AMBIENTE E O COMPROMISO MEDIOAMBIENTAL.

O falar de medio ambiente en xeral un sempre corre o risco de deixarse levar por algunha das dúas correntes contrapostas que sobre esta teima coexisten hoxe en día.

Por un lado atopamonos con correntes e filosofías catastrofistas que vaticinan a chegada a un punto de non retorno, donde xa non será posíbel enmendar tódolos males que está a sofrir o medio natural, tendo esgotadas tódalas vías de rexeneración de ecosistemas que foron perturbados pola acción antrópica.

Pola outra banda atopámonos con outras vías de pensamento que argumentan que o medio ambiente e todos e cada un dos ecosistemas manifestan ter os seus propios mecanismos de autorregulación e recuperación ante agresións, xa sexan causadas por orixe humán, ou por interaccións perturbadoras doutra índole, pero que en definitiva non afectan ós sucesivos estadios evolutivos dos ecosistemas. Esta última visión ten a súa manifestación máis exprícita na teoría de Gaia postulada polo famos ecoloxista James lovelock na década dos setenta e que nos achega a unhavisión da Terra en conxunto como ecosistema global.

Tal como sexa o que é certo e que o século XXI será o século no que a preocupación, o estudo e a relación home-medio ambiente marcará dalgún xeito as directrices políticas, económicas e sociais da meirande parte da humanidade; sendo competencia única e exclusiva nosa a preservación e o uso racional dos recursos naturais.

A primeira pedra no que se refire a foros de reflexión medioambiental e que aglutina a 100 paises aparece no ano 1972 no cumio de Estocolmo. Xurde como un intento de solución ós problemas de contaminación atmosférica transfronteiriza - fundamentalmente choiva ácida- resultado do constante crecemento e uso do carbón en centroeuropa con fins enerxéticos. O certo é que este foro serviría de exemplo para decatarnos de que os problemas que a acción humana causa no medio natural necesitan un análise, unha lexislación e un control que precisa dun organo supranacional, sendo asimesmo necesario un consenso intergubernamental que marque as directrices das políticas medioamboientais.

Tras este pimeiro cumio o segundo compromiso importante tardaría en acontecer vinte anos despois. o cumio de Río no ano 1992. Foi eiquí realmente donde quedaron sentadas as beses do desenrolo sostible e xurde o verdadeiro compromiso da meirande parte dos paises dos cinco continentes de que os factores de orixe humán están repercutindo , alterando e danando seriamente algúns ecosistemas. Por citar so algúns a deforestación da Amazonia, o quecemento global do planeta a causa da emisión de gases de efecto invernadoiro, as choivas ácidas, o esgotamento dos recursos non renovables, etc. son algúns dos temas tratados na conferencia de Río e que dalgún xeito comprometeu ós paises asinantes a adoptar medidas correctivas contra as agresións ó medio.
No ámbito da UE a consecuencia inmediata do cumio de Rio vese trasposta no V plan de acción comunitaria que baixo o lema “Our future, our choice” definiria a través de directivas todalas políticas en materia medioambiental ós Estados membros da UE e que marcaria dalgun xeito e de forma expricita os obxectivos a acadar por todos e cada un dos paises comunitarios. Neste contexto, algúns dos camiños da súa estratexia están marcados polos programas europeos de desenvolvemento tecnolóxico; por citar algúns destacariamos o programa ALTENER (relativo á implantación do uso e desenvolvemento das enerxías renovables), o programa SAVE (orientado á implantación de proxectos de mellora de rendemento enerxético, o programa THERMIE ( que leva a cabo o desenvolvemento de tecnoloxías menos contaminantes e máis eficientes) etc... É dicir que en Europa comézase a levar a cabo un compromiso real e tanxibel de implantación de usos e aproveitamentes enerxéticos co menor índice de impacto ambiental.

Non poderíamos deixar de pasar por alto quizais o mais coñecido dos acordos intergubernamentais polo seu alcance mediático : protocolo de Kyoto asinado no ano 1997. Para chegar a Kyoto foi necesario iniciar un camiño que parte do tratado de Roma no ano 1956 e que foi no seu día o primeiro cumio no que atinxe ós problemas de cambio climático. Hoxe en día os acordos asinados en Kyoto e ratificados polos seus membros están dando lugar a un importante esforzo dos paises mais contaminantes por reducir o seu nivel de emisións e asimesmo está dando lugar a unha serie de severas sancións dos paises que non cumpran coas cuotas asignadas. A materialización destas coutas convertese na compra de dereitos de emisións na que os gabernos que sobrepasen as toneladas de emisión de CO2 asignadas compraran dereitos ós paises que si cumpren co pactado; o resultado estase vendo xa actualmente nos grandes esforzos que para as economías dos paises afectados están supoñendo a compra deses dereitos.

Chegados a este punto podemos afirmar que o esforzo e a preocupación polo medio ambiente natural, ainda que recente, acadou compromisos importartes.

Pero a reflexión máis inmediata é que da título e este artigo é ¿ limita dalgun xeito este compromiso co medio ambiente o crecemento e desenvolvememto da nosa sociedade?, é decir, ¿as medidas coercitivas e sancionadores para todas aquelas agresións o medio ambiente están limitando á nosa sociedade de benestar e progreso?. A miña opinión é que non. A especie humán vive e fai uso dos recursos naturais interactuando inevitablememnte co medio ambiente e os ecosistemas, temos non obstante a obriga de perpetuar estes recursos e causar o mínimo impacto ambiental. Pero ¿cal é o camiño?, ¿cómo lograr esta mínima agresión e impacto?. a resposta dánnola os científicos e tecnólogos: o progreso tecnolóxico estanos a ofrecer solucións ós problemas de antano. Hoxe en día por poñer algún exemplo as centrais de ciclo combinado están a ofrecer eficiencias que nada teñen que ver coa obsoleta tecnoloxía de aproveitamento do carbón, a valorización enerxética dos residuos e o seu reciclaxe están sendo solucións para o problema dos vertedoiros incontrolados, a extracción de petróleo está ultilizando tecnoloxía punteira en aproveitamento dos pozos e as bolsas do cru, os novos combustibles obtidos a partires de biomasasa (forestal) e cultivos enerxéticos ( trigo, cebada, millo, miscanthus, etc) están obtendo alcoholes de muy alta pureza que poden entrar en cámara de combustión a porcentaxes xa importantes en motores convencionais, as novas vivendas construense cada vez mellor ailladas e necesitase menos enerxía para a sua climatización, a enerxía eólica estase consolidando dentro das renovables como unha das de maior puxanza sendo aplicada a ultima tecnoloxía no desenvolvemento de xeneradores e palas alcanzando cotas de aproceitamento enerxéticas nunca pensadas.
E decir, que a tecnoloxía estase adaptando ós novos tempos, está buscando solucións para os novos aproveitamentes enerxéticos renovables que nos aparten da supeditación cos recursos fósiles, e ainda icluso algún prestixioso ecólogo chegou a afirmar senón sería a hora de volver a vista ó aproveitamento da enerxía nuclear e desenrolar máis proxectos do seu aproveitamento ( discutible sen dúbida pero é unha vía a estudar).

Remato este artigo cunha reflexión, somentes con algo que vivimos todos os galegos e moi de perto: transcorridos dous a nos e medio do desastre do Prestixe fomos capaces de percibir como a pesar do enorme e incuantificable impacto que supuxo no seu día para o ecosistema litoral éste foi capaz de rexenerarse e recuperarse cáseque por completo. Lóxicamente hai secuelas que ainda tardarán en desaparecer pero o certo é que nin os vaticinios máis optimistas popderían hoxe describir o grao de recuperación que teñen as nosas costas. Quen sabe, iso é o que ten de máxico a natureza por iso quizaís nunca seremos capaces de imitala estando nas nosas mans o deber de preservala e coexistir con ela dun xeito respetabel.

Quixera transmitir dende eiquí o meu agradecemento e gratitude para meu bon amigo Ismael de quen foi a idea de levar a cabo o proxecto desta fermosa e entrañable páxina adicada á teima da pesca, e que me convidou a abrir esta sección onde trataremos periódicamente temas relacionados co Medio Ambiente e a Ecoloxía. Vémonos.




Asdo. Juan Carlos Gundín Fontecoba.
Lcdo. En CC. Físicas.
Experto en Medio Ambiente.